CAMBADOS> O Partido Popular de Cambados non consegue os oito votos que precisa para conseguir o oitavo concelleiro. Tralo reconto realizado esta mañá, a Xunta electoral de zona mantivo a nulidade das quince papeletas reclamadas pola formación de Luis Aragunde. Aínda que non se pronunciou sobre a súa validez, emprazou ao PP a presentar as súas reclamacións por escrito.
A resolución sobre o futuro de Cambados tralo 26M terá que agardar. A xunta electoral de zona celebrou esta mañá o reconto dos votos da pasada xornada electoral sen mudar o escrutinio inicial. Polo tanto, mantivo a nulidade dos 15 votos reclamados polo Partido Popular.
A formación encabezada por Luis Aragunde non se dá por vencida. Aseguran que a xunta electoral non se manifestou sobre a validez destes votos, e que unicamente se limitou a emprazalos a que presenten as súas reclamacións por escrito.
Os populares non están dispostos a deixar pasar a oportunidade de mudar o actual escenario político. Se conseguiran a validez de oito destes votos nulos, conseguirían o oitavo concelleiro arrebantándollo a Somos. Así, o PP empataría coa esquerda, e a chave do goberno volvería a mans de José Ramón Abal, de Cambados Pode.
Entre estes votos impugnados, hai varios nos que se mesturan os sobres e as papeletas da eleccións municipais e europeas. Tamén algúns están pintados con bolígrafo, sen que as marcas afecten a ningún nome da candidatura. Outros conteñen expresións ofensivas.