Nove poñentes participaron hoxe no 3º Congreso Galego de Adopción e Acollemento

PONTEVEDRA> O Pazo da Cultura acolleu esta mañá o Congreso Galego de Adopción e Acollemento. Un evento no que participaron nove poñentes que deron a súa testemuña sobre o camiño que se está a facer neste eido.

Reflexionar sobre a adopción e o acollemento das nenas, dos nenos e dos adolescentes da nosa comunidade. Ese é o obxectivo do Congreso galego de adopción e acollemento. Un evento que abriu hoxe as súas portas en Pontevedra por terceiro ano consecutivo.

Hoxe participaron en total 9 poñentes que falaron dende a regulación da adopción internacional, pasando polos vínculos entre as familias de acollida e as familias adoptivas, ata a complexidade da adopción aberta.

Nos últimos anos déronse pasos de xigante para conseguir mellorar a regulación sobre a adopción e o acollemento. Sen embargo, este tipo de congresos seguen sendo fundamentais na nosa sociedade.

O 3º Congreso Galego de Adopción e Acollemento continúa mañá no Pazo da Cultura. Na xornada participarán máis de 15 poñentes para reflexionar sobre temas tan importantes como o sistema galego de protección de menores ou da atención á vivencia sexual das persoas con diversidade cognitiva. No acto tamén participarán familias acolledoras para explicar as súas experiencias persoais.