Acusacións entre a Xunta e o Concello de Poio tras o atropelo dunha nena no paso de peóns da PO-308

POIO> A Xunta de Galicia eliminará os estacionamentos anexos ao paso de cebra da Avenida da Barca. Lugar onde o pasado luns foi atropelada unha nena de 12 anos. Tras este suceso, as disputas entre o Concello de Poio e a administración autonómica aumentaron e finalmente parece que se saldarán con esta medida coa que se pretende gañar visibilidade.

O atropelo, o pasado luns, dunha nena de 12 anos neste tramo da PO-308 parece que foi clave para que o Concello de Poio e a Xunta de Galicia tomaran medidas. O goberno local denunciou que o pasado mes de xaneiro xa solicitaran á Consellería de Infraestruturas que se pintase este paso de peóns. Unha crítica que non gustou a administración autonómica, que pediu maior prudencia e responsabilidade.

A Xunta de Galicia lamenta a actitude que está tomando o Concello de Poio tras o atropelo do pasado luns e asegura que nas vindeiras semanas eliminará os estacionamentos previos ao paso de peóns para gañar visibilidade e evitar que se volva a producir outro accidente. Unha acción que se tomará a pesar, segundo a conselleira de infraestruturas, dos continuos atrancos por parte do goberno local.

O BNG de Poio segue defendendo que a mellor alternativa á PO-308 é a vía de O Bao. Ademais, os nacionalistas animaron xa á reactivación da Plataforma da 308, para levar a cabo reivindicacións veciñais que obriguen a Xunta de Galicia a tomar medidas para mellorar a seguridade viaria desta estrada.