O SALNÉS> A de Pontevedra foi a provincia onde máis incidencias se rexistraron, unhas 300 das máis de 550 que contabilizou o 112 Galicia relacionadas con esta borrasca. Ningún concello da nosa contorna se librou do paso de Kirk, deixando danos en tódolos municipios, aínda que por fortuna, de escasa consideración. En Barro o vento provocou a caída de varios paneis do pavillón de Curro, mentres que en Poio levou por diante un chiringuito da praia de Lourido. Ademais, houbo que suspender as clases en varios centros educativos.
O paso dos restos do furacán Kirk sitúan á provincia de Pontevedra como a máis afectada de Galicia, contabilizando 300 das 550 incidencias que tivo que xestionar nas últimas horas o 112 relacionadas co mal tempo.
Ningún concello se librou do seu paso. En Barro, o vento causou a caída de varios paneis no pvaillón de Curro. Por seguridade, a estrada que pasa ao seu carón estivo pechada durante boa parte da mañá
Ao mesmo tempo tamén se suspenderon as clases na unitaria anexa ao pavillón. En Pontecesures, as clases tamén quedaron suspendidas hoxe no CPI e na Escola infantil Municipal. Alí caeu parte do tellado do colexio e a caída dunha árbore obrigou ao pecha da estrada de acceso dende o Pino Manso.
Tampouco houbo clase hoxe no CEIP Espedregada de Poio. No municipio o temporal tamén impactou con forza. Así quedou este chiringuito da praia de Lourido tras o impacto de Kirk. En todo o concello houbo nas últimas horas multitude de incidencias salientado a caída de árbores, postes e muros en varios puntos.
O temporal tamén causou inundacións en Cuntis, pola enchente do río Gallo. Alí, ademais, centos de veciños quedaron sen teléfono nin luz polo temporal, incidencia que tamén afectou a unhas 600 vivendas en Pontevedra ou outras 300 familias en Meis.
No caso de Cuntis, o servizo municipal de emerxencias recoñecía estar desbordado pola cantidade de incidencias rexistradas.
En Vilagarcía, a caída de pólas e cables afectou ao tráfico ferroviario, con varios retrasos, mentres que en Caldas, os problemas de mobilidade rexistráronse na estrada N-640, que tivo que ser cortada tamén pola caída de varias árbores.
Unha incidencia que se repetiu noutros puntos, como en Sanxenxo ou no Grove. Alí así e todo, mantiveron a actividade na carpa do Marisco, logo de que os enxeñeiros responsables desa instalación reforzasen a estrutura. Neste municipio, a zona máis afectada foi a costa de San Vicente. De feito, as clases quedaron suspendidas nesta xornada no colexio de Bizocas polo desprendemento de varias chapas.










