Arrancan as negociacións en Cambados de cara a creación do futuro goberno local

CAMBADOS> Os socialistas de Cambados iniciaron xa unha rolda de contactos con tódalas forzas de esquerda de cara á creación do futuro goberno local. Con todo a candidata socialista, que opta á reelección como alcaldesa, cre que as negociacións terán que continuar despois do pleno de investidura deste sábado. Fátima Abal entende que agora non é o momento de facer as cousas ás présas.

Despois de que o PP tirase a toalla e non recorrese na xustiza ordinaria as papeletas nulas que precisaba para facerse cun oitavo concelleiro, o PSOE de Cambados puxo en marcha unha rolda de contactos para perfilar un futuro pacto de goberno. A candidata socialista e actual alcaldesa di que vai falar cos que ata o de agora son os seus compañeiros de goberno cuadripartito. Iso inclúe tamén á formación de José Ramón Abal aínda que, segundo a aritmética, Cambados Pode non sería preciso para artellar un goberno con maioría no Pleno.

As contas cadran para a investidura de Fátima Abal. Outra cousa é o pacto de goberno. A socialista cre que terá que asinarse despois do pleno deste sábado. Un extremo que rexeita Somos Cambados, que quere deixa-lo asunto resolto esta semana. A rexedora en funcións entende que é unha cuestión que non se pode abordar con présas.

Se finalmente Cambados Pode queda fóra do novo executivo, o hipotético tripartito tería que asumir as áreas de goberno que, ata o momento xestiona Jose Ramón Abal:  Enoturismo, Urbanismo e Obras. A socialista avanza xa por onde irán os tiros nas negociacións co resto de forzas…

Esta tarde, Fátima Abal reuniuse co líder de Cambados Pode. Mañá vaino facer cos representantes de Somos Cambados e o mércores cos do BNG.