VILANOVA> As reaccións non se fixeron agardar. Esta mañá, o Partido Popular de Vilanova reclamaba medidas contra os populares de Meaño e, en concreto, contra o seu líder e alcalde, Carlos Viéitez. Os vilanoveses estudan impugnar a votación. Gonzalo Durán acusounos de transfuguismo e pediu a dimisión de Viéitez.
Tralo sucedido no pleno de onte de Meaño, as reaccións nas filas populares da comarca non se fixeron agardar. O primeiro en saír á palestra foi o líder do PP de Vilanova e actual presidente en funcións da Mancomunidade, Gonzalo Durán, que cargou duramente contra Carlos Viéitez.
Agora os populares de Vilanova estudan impugnar a votación secreta. Consideran que a petición non estivo xustificada e que serviu para ocultar o transfuguismo.
Detrás desta manobra, o PP de Vilanova ve un acordo entre populares e socialistas de Meaño para sacar adiante a dedicación exclusiva do alcalde e os salarios. Descoñecen se todos os edís da formación estiveron dacordo coa medida, e sinalan a Viéitez como principal responsable.
Xa máis no terreo persoal, Durán acusou a Viéitez de mentir. O rexedor vilanovés foi un dos principais valedores da súa candidatura á alcaldía meañesa. Agora síntese enganado.
Durán asegurou que aínda non puido falar coa dirección provincial do Partido Popular. Tamén afirmou que descoñece os pasos a seguir para que o partido tome medidas contra Carlos Viéitez e o PP de Meaño.