CAMBADOS> O Partido Popular celebrou o pasado venres a posta de longo dos seus alcadables para os concellos do Salnés. A formación quixo facer unha demostración de forza na comarca, rodeándose de centenares de simpatizantes para o acto que se desenvolveu en Cambados. Un acto en clave local que estivo moi marcado pola cita electoral máis próxima: a das xerais do 28 de abril.
O Partido Popular iniciou o pasado venres a súa carreira cara as eleccións municipais do mes de maio. Os conservadores puxeron de longo os seus candidatos na comarca do Salnés; nomes nos que confían para recuperar as alcaldías perdidas no 2015 e manter os dominios actuais.
Os populares escolleron Cambados para este simbólico acto. Ante un auditorio entregado, foron subindo ao escenario os candidatos. Os veteranos Juan José González, da Illa de Arousa, José Luis Pérez, de Meis, Gonzalo Durán, de Vilanova, e Luis Aragunde, o cambadés que exerceu de anfitrión. Tamén a sabia nova, con Martín Vázquez, de Ribadumia, Carlos Vieites, de Meaño, Beatriz Castro, do Grove, e Alfonso Gallego, de Vilagarcía. Non asistiu o candidato de Sanxenxo, Telmo Martín, de viaxe de traballo.
A de Alberto Núñez Feijóo foi a intervención máis agardada da noite. O presidente dos populares galegos dirixiuse aos seus para pedirlles a súa confianza. Non só na cita do 26 de maio. Tamén na convocada para o mes de abril, nas eleccións xerais.
Outros cargos do PP, como Ana Pastor, José Manuel Cores Tourís ou o conselleiro do Medio Rural, José González, arrouparon aos alcaldables. Antes deste acto en Cambados, o presidente do Partido Popular de Galicia asistiu á presentación dos seus candidatos na comarca do Ulla-Umia.