Oposición en Arousa ao depósito dos lodos do Lérez preto de Sálvora

BARBANZA> Fondo malestar en Arousa pola autorización de Portos de Galicia para o vertido de lodos procedentes do dragado do río Lérez preto da Illa de Sálvora. O sector pesqueiro e marisqueiro oponse frontalmente a esta decisión, ó considerala totalmente prexudicial para os seus intereses.

A nova da autorización de Portos de Galicia ó vertido de lodos procedentes do dragado do río Lérez nunha zona próxima a Sálvora, incluída no parque nacional das Illas Atlánticas, provocou unha enorme repercusión en toda a ría de Arousa. O sector pesqueiro e marisqueiro xa se posicionou en contra deste proxecto do que non tiñan coñecemento algún, pedindo a súa retirada.

O sector teme os prexuízos que pode traer consigo este vertido altamente contaminante na zona.

Mañá martes está previsto celebrar en Santiago unha xuntanza coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, para que dea cumprida información do proxecto.