A reforma da casa de cultura de Boiro ascenderá a preto dos catro millóns de euros

BOIRO> A recreación deixa ver o resultado final da rehabilitación integral da casa de cultura Ramón Martínez López. Trátase, sen dúbida, dun dos proxectos estrela do executivo local para o presente mandato que posibilitará a modernización dun espazo clave para a vida cultural e social de Boiro.

A actuación, cun orzamento de preto dos catro millóns de euros, financiados polo Goberno do Estado a través dos fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, permitirá a ampliación do actual auditorio, que pasará a dispoñer de 535 prazas.

Pero a obra en si, será moito máis ambiciosa, xa que contemplará tamén a renovación integral da biblioteca, que incluirá unha sala de estudo e unha ludoteca, así como a reforma da área administrativa do edificio.

A actuación incluirá ademais a mellora da accesibilidade ó inmoble, mellorando a eficiencia enerxética.

Unha vez aprobado o proxecto en pleno, a intención do executivo pasa por poder licitar canto antes a actuación, para poder iniciar as obras xa a finais deste ano, e que poida estar rematada xa para finais do 2026.