PONTEVEDRA> A libraría Paz de Pontevedra acollerá mañá a presentación do libro Paraños do escritor Luís Denís Crispín. Unha obra que xa vai pola súa cuarta edición e que conta con 526 microrrelatos nos que o autor mestura as tradicións galegas coas súas propias experiencias persoais.
“Este libro escribiuse na sombra dun semáforo, na parada dun bus e nun vagón de tren. Algúns relatos ao abrir o ollo bo, sentado na cama, mentres o outro seguía ao seu rezongón e preguiceiro”. Así comeza Paraños. A obra, do escritor Luís Denís Crispín mestura á perfección o humor galego e a literatura máis íntima.
Paraños, que se presentará mañá en Pontevedra, vai xa pola súa cuarta edición. Algo que demostra a gran acollida do público.
A mente dun escritor nunca para, e por iso, tras o éxito desta obra, que tardou cinco anos en saír á luz, Luís Denís pensa xa en novos proxectos.
Pero antes de continuar escribindo, Luís Denís ten mañá unha cita en Pontevedra para presentar os 526 microrrelatos que compoñen Paraños. Será ás 20:00 horas (da tarde) na Libraría Paz.