PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra repartirá 11 millóns de euros entre os concellos da comarca do Salnés e da súa contorna. Farao no marco dos plans +Provincia 2025 e do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. O presidente Luis López xa se dirixiu por carta aos rexedores para informalos destas achegas.
Os concellos de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa recibirán este ano preto de 11 millóns de euros para investimentos da Deputación de Pontevedra. 9 millóns chegarán a través do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal e case 2 do II Plan de Infraestruturas Deportivas.
López xa enviou cartas aos alcaldes para informalos da asignación dos recursos dos plans. O +Provincia 2025, para o que se poden presentar proxectos ata o 2 de abril, está dotado cun total de 48,2 millóns de euros para os 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia. Como novidade, este ano permite financiar investimentos de carácter plurianual.
Por outra banda, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende nesta edición a 8 millóns de euros. As bases establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos, 4,42 millóns de euros, e noutra variable en función da poboación.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que as actuacións deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000. Ademais, os investimentos deberán estar executados o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións.











