As protestas do Colectivo Feminista e do concello de Pontevedra conseguen a retirada dunha campaña antiabortista

PONTEVEDRA> Polémica en Pontevedra pola instalación dunha campaña antiabortista en varios espazos publicitarios da cidade. Os carteis convidan á poboación a rezar diante das clínicas que practican abortos. Tanto o Colectivo Feminista como o concello de Pontevedra aseguran que a campaña ataca o dereito a decidir das mulleres e esixiron a súa retirada. A empresa propietaria dos espazos, pola súa banda, anunciou a retirada destes carteis.

“Rezar fronte a unha clínica abortista está xenial”. Dende hai varios días, este texto aparece en carteis instalados en varios espazos publicitarios de Pontevedra. Trátase dunha campaña impulsada pola Asociación Católica de Propagandistas.

A campaña non apareceu só en Pontevedra. Carteis coma este instaláronse en máis dunha trintena de cidades de toda España. Dende o Colectivo Feminista aseguran que mensaxes coma esta promoven o acoso contra as mulleres que deciden abortar.

Dende o Colectivo Feminista instaron esta fin de semana o concello a retirar esta campaña. O goberno local recolleu esta demanda e trasladárona de xeito formal á empresa propietaria dos espazos publicitarios.

Segundo Gulías, a campaña é totalmente contraria á postura feminista do concello pontevedrés.

A última hora da mañá, a empresa propietaria destes espazos publicitarios confirmaba ao concello que retiraría a campaña hoxe mesmo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí