O PP mantén Meaño trala negativa do PSOE a apoiar ningunha candidatura

MEAÑO> A dúbida tamén se mantivo ata última hora no concello de Meaño. Alí, o Partido Popular conseguiu manter a alcaldía, mudando iso si de rexedor. Carlos Viéitez proclamábase alcalde cos votos dos seus edís despois de que o Partido Socialista mantivera a súa posición inicial: non apoiar nin a PP nin a Meaño Independente.

A nova corporación de Meaño foi tomando posesión das súas actas sen saber quen ocuparía ao final da sesión a alcaldía da vila.

Meaño Independente estaba aberto a ceder a alcaldía ao PSOE para arrebatar o concello ao PP, pero finalmente os socialistas non presentaron candidatura, e os dous concelleiros votaron en contra das opcións de populares e independentes. Decisión que entregou o posto de rexedor ao candidato do Partido Popular Carlos Viéitez, a lista máis votada.

A decisión tomou por sorpresa tamén ao resto dos asistentes ao pleno. Así as cousas, os socialistas defenderon que se mantiveron fieis á súa postura inicial.

O candidato independente non ocultou o seu enfado. Ás portas do concello, José Manuel Aspérez aseguraba que o que acababan de ver no pleno era o resultado dun acordo PP-PSOE.

A expectación xerada ao redor do pleno de investidura enchegou o salón e os corredores do concello. Tamén moitos veciños agardaron ás portas da casa consistorial para coñecer o nome do seu novo alcalde, que substitúe á popular Lourdes Ucha.