O BNG e o PSOE asinan un pacto de goberno que converterá a Lores no vindeiro alcalde de Pontevedra

PONTEVEDRA> O BNG e o PSOE asinaron esta mañá as bases para un novo pacto de goberno. As dúas formacións puxéronse de acordo e finalmente gobernarán en coalición durante os vindeiros catro anos. As áreas de xestión aínda non foron anunciadas, pero o que si adiantaron os grupos municipais é que cada un terá plena autonomía.

Con estas sinaturas, o BNG e o PSOE plasmaron esta mañá a súa intención de gobernar conxuntamente durante os vindeiros catro anos. Miguel Anxo Fernández Lores será investido como alcalde de Pontevedra, e Tino Fernández, será o tenente de alcalde. Un acordo baseado na lealdade e no respecto mutuo.

O goberno de coalición rexerase por unha serie de principios programáticos, entre os que destacan o impulso das infraestruturas, como a A-57 o Nó de Bombeiros, o paseo ate Marín ou a Variante de Alba. Ademais, tanto o BNG como o PSOE deixaron plasmada a súa postura en contra da permanencia de ENCE en Lourizán.

Os dous líderes políticos falaron dun acordo equilibrado no que ningunha das dúas forzas tivo que ceder máis ca outra.

As áreas de xestión aínda non foron establecidas, pero os portavoces municipais aseguraron que cada un actuará con autonomía. Por outra banda, crearase unha comisión de seguimento que se encargará de resolver as posibles discrepancias que se produzan durante o mandato.

Este sábado celebrarase o pleno da investidura no que sairá elixido Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra. O acto será ás 12.00 horas no Teatro Principal.