VALGA> Despois de 28 anos na alcaldía de Valga, José María Bello Maneiro agarda mellorar os resultados nas eleccións do 26 de maio para o Partido Popular. O sábado presentou a súa candidatura, facendo fincapé na súa experiencia como garantía de futuro.
A experiencia á fronte da alcaldía de Valga é, para os populares, o mellor aval de José María Bello Maneiro. Esta fin de semana presentouse a súa candidatura, incidindo na estabilidade e no saber facer como as mellores garantías de futuro.
Bello Maneiro suma xa 28 anos como alcalde de Valga. Para manter o apoio dos veciños, o veterano político rodeouse de 20 persoas que, asegura, son os mellores para seguir traballando polo seu concello.
Este traballo como alcalde fai que José María Bello confíe nas súas posibilidades na cita do 26 de maio.
Conseguir un apeadoiro que conecte Valga coa rede ferroviaria de cercanías e media distancia, a renovación do alumeado público, a remodelación do Parque Irmáns Dios Mosquera ou a recuperación da Mina Porto Piñeiro, son algúns dos proxectos dos populares de seguir na alcaldía.