Vilagarcía reparte en once concellerías o goberno

VILAGARCÍA> O goberno de Vilagarcía divídese en once áreas neste novo mandato. O reparto de delegacións modifícase para dar cabida os novos concelleiros que o Partido Socialista conseguiu nas últimas eleccións municipais, cando pasou de oito a doce. Alberto Varela resérvase a coordinación das diferentes áreas. Haberá que agardar ao pleno organizativo para coñecer o reparto das liberacións e da representación noutros órganos.

Os catro novos concelleiros que o Partido Socialista de Vilagarcía conseguiu nas eleccións do mes de maio permítenlle repartir a carga de traballo do executivo coa creación de novas áreas. Trala cita coas urnas, os socialistas conseguiron a maioría absoluta pasando de oito a doce edís.

Non hai cambios para Tania García, Argimiro Serén, Luz Abalo e Paola María, que seguirán á fronte de Servizos Sociais e Igualdade, Educación e Deportes, Economía e Facenda e Urbanismo, Mobilidade e Xestión dos Fondos Feder. Os outros edís que xa estaban no mandato anterior, Lino Mouriño e Sonia Outón verán modificadas as súas competencias. O primeiro mantén Servizos e Relacións Veciñais e perde Medio Ambiente, da que se encargará Diego García, tamén responsable de Parques, Xardíns e Praias. A segunda seguirá a ser a responsable de Cultura e Persoal, pero Xuventude dependerá de Alba Briones, tamén á fronte de Promoción Económica e Emprego.

Policía Local, Seguridade Cidadá e Emerxencias, antes competencias do xa exedil Juan Antonio Pérez Callón, serán responsabilidade de José María González. Ademais, créanse dúas novas áreas: Sanidade, Consumo e Benestar animal, a cargo de Matilde Laya, e Turismo, Novas Tecnoloxías e Administración Electrónica, con Álvaro Carou á fronte.

Alberto Varela mantén as dúas tenencias de alcaldía para Tania García e Argimiro Serén. Finalmente, ao igual que fixera no anterior mandato, o alcalde resérvase a coordinación de todo o equipo. As liberacións, a composición da xunta de goberno local e a representación noutros órganos coñeceranse no pleno organizativo, que se celebrará nos próximos quince días.