As obras para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Xeve estarán rematadas en verán do 2024

PONTEVEDRA> En marcha as obras para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Santo André de Xeve, en Pontevedra. A intervención contempla a construción dunha senda e dunha glorieta, a reordenación do aparcadoiro e incluso habilitar un carril exprés diante do centro escolar para facilitar a baixada e recollida do alumnado. A intención é que o proxecto sexa unha realidade no verán de 2024.

Xa están en marcha as obras para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na contorna do colexio de santo André de Xeve, en Pontevedra. Un proxecto que transformará por completo a zona.

A intervención afectará a dúas estradas de titularidade autonómica, a PO-223 e a PO-224. Os traballos comezaron na zona do aparcadoiro do colexio, con rozas, retirada de peches e a demolición da antiga beirarrúa.

Isto na PO-223. Na PO-224 modificarase e mellorarase a intersección de cruzamento na zona do centro escolar. Habilitarase unha glorieta para reforzar a seguridade viaria e contribuír ao calmado do tráfico. Tamén se executará unha senda que conecte o colexio co núcleo de Sobral.

A ampliación da zona de aparcadoiro de buses, a incorporación de 18 prazas para mestres e traballadores do centro e a creación dun carril exprés fronte ao colexio, son outras das medidas.

O proxecto ten un orzamento de máis de 2 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses, polo que estará rematado no verán de 2024.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí