SANXENXO> Cantas veces non lles ocorreu que foron á praia á Lanzada e cando chegaron estaba cuberto de néboas? En breve poderán coñece-lo tempo que fai nese célebre areal dende calquera parte do mundo, grazas a Meteolanzada. Trátase dun proxecto do alumnado de primaria do CEIP Telleiro de Sanxenxo. A iniciativa busca formar ós rapaces nos ámbitos da meteoroloxía e a enxeñería.
O CEIP Telleiro, a súa ANPA e o Concello de Sanxenxo camiñan da man no proxecto Meteolanzada. A iniciativa tecnolóxica pretende formar ao alumnado de educación primaria en dous ámbitos: a meteoroloxía e a enxeñería.Esta mañá as tres partes asinaron un convenio de colaboración.
Co proxecto, o alumnado do centro encargarase da montaxe dunha boia oceanográfica e dunha cámara web. Unha vez rematada esa fase, a idea é crear unha aplicación na que poder consultar todos os datos. O proxecto non remata aí, porque a intención é que o resto de centros educativos do concello se vaian sumando, incorporando datos doutros areais sanxenxinos. Para que o proxecto siga medrando, o Concello de Sanxenxo comprométese a aportar 12.000 euros.
Unha vez en marcha, a idea é difundi-lo proxecto de Meteolanzada en diferentes foros e congresos tecnolóxicos.