Pecha o último videoclube de Pontevedra: adeus ao San José

PONTEVEDRA> O último videoclube de Pontevedra pecha a persiana. Despois de 35 anos de traballo, o día 31 de decembro o Videoclube San José despedirase para sempre da súa clientela. Faino pola xubilación do seu propietario, Félix Yáñez. Ata entón, o negocio pon á venda o seu amplo catálogo de películas e series con prezos entre 1 e 7 euros.

Hai xa 35 anos que o Videoclube San José abriu as súas portas. Para Félix Yáñez dar o paso foi toda unha aventura.

Dende entón, o negocio converteuse nun clásico no barrio de Campolongo e en toda a cidade. Nos mellores anos do sector, Pontevedra chegou a ter ata 33 videoclubes. Pero a día de hoxe só o San José sobrevive.

Coa despedida do 2021, Félix Yáñez despedirá tamén o seu negocio. Faino non porque non funcione. A día de hoxe ten 41.446 socios. Senon por petición da súa familia: con 65 anos xa cumpridos, chegou o momento da xubilación.

Pero antes de pechar, Félix quere deixar a bo recaudo os fondos que acumulou nestes 35 anos de traballo. Por iso ata o 31 de decembro películas e series estarán á venda a prezos de entre 1 e 7 euros. Dende que se correu a voz, videoclube bule continuamente de clientela, disposta a levar a casa unha boa oferta pero tamén un fragmento de historia do San José.

Ata o 31 de decembro, Yáñez agarda vender gran parte do seu fondo de películas. Despois de 35 anos sen descanso, abrindo todos os días do ano, seguirá a desfrutar do cinema pero doutro xeito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí