A variante de Alba proposta pola Xunta é a opción “menos mala” para o Concello

PONTEVEDRA> César Mosquera valorou tamén esta mañá o proxecto presentado onte pola Xunta de Galicia para a variante de Alba. O edil de infraestruturas mostrouse “moderadamente satisfeito” coa alternativa elixida pola administración autonómica, aínda que asegurou que non era unha das primeiras opcións que tiña o Concello.

A opción elixida pola Xunta de Galicia para a variante de Alba provocou sentimentos encontrados no Concello de Pontevedra. Por unha banda, o goberno municipal valora positivamente que a administración autonómica estea disposta a reducir o tráfico da PO-225. Sen embargo, o edil de infraestruturas recorda que a opción elixida non estaba entre as alternativas do Concello.

César Mosquera non está de acordo en que a variante de Alba pase tan cerca do colexio de Campañó e, por iso, asegura que intentarán urbanizar a zona para mellorar a seguridade viaria.

O edil de infraestruturas tampouco está de acordo en que o vial, de 1km de lonxitude, teña unha velocidade límite de 100km/h nin tampouco en que sexa de 4 carrís.

A pesares de ser a opción “menos mala” para César Mosquera, o concelleiro asegurou que é un proxecto moi estudado e que non supón afeccións sobre as vivendas da zona. Por outra banda, o edil confirmou que o goberno municipal intentará que a PO-225 sexa traspasada ao Concello, para así reforzar a mobilidade peonil e mellorar o Camiño Portugués.