O EEI Verducido, en “defensa da escola rural”

PONTEVEDRA> Baixo mínimos. Así está a Escola de Educación Infantil de Verducido. Nas últimas horas, a Xunta de Galicia comunicoulles o peche dunha aula do centro e a supresión dunha das mestras para o próximo curso. Deste xeito, tan só quedarían dúas profesoras que terían que repartirse entre unha aula de infantil e outra de primeiro e segundo de primaria.

Como educar a 37 alumnos con soamente 2 profesoras. Ese é o reto ao que parece que terán que enfrontarse neste colexio de Verducido no vindeiro curso. A Xunta de Galicia notificou nas últimas horas o peche dunha aula de infantil e a supresión dunha das mestras. O motivo, segundo a administración autonómica é a baixa matrícula, algo co que non están de acordo as familias.

Durante o curso 2018-2019, este centro contaba con 37 alumnos que estaban repartidos entre 3 aulas de infantil e 1 de primeiro e segundo de primaria. Co peche dunha clase e cunha profesora menos, a comunidade educativa desta escola ve imposible dar un servizo de calidade.

As familias poñen o foco directamente sobre o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen, segundo eles, está incumprindo coa súa palabra.

Neste centro levan meses vendo como os recortes están afectando á calidade educativa da escola. Xa que neste último curso escolar xa perderon aos profesores que tiñan de reforzo para especialidades como música ou inglés. Pero as familias non se renden e aseguran que seguirán traballando para que a Escola Infantil de Verducido sobreviva.