A empresa vilagarciá Fundiciones Rey estuda opcións para ampliar as súas instalacións

VILAGARCÍA> A empresa Fundiciones Rey, con sede en Vilagarcía, continúa estudando diversas opcións para incrementa-la súa produción. A factoría celebra este ano o seu 75 aniversario, coa vista posta na ampliación das súas instacións. Esta mañá visitou a fábrica o conselleiro de Industria.

Con 75 anos de traxectoria ás súas costas Fundiciones Rey ten un obxectivo: incrementa-la súa produción para dar resposta á demanda dos seus clientes internacionais. Para acadar esa meta, a empresa precisa antes aumenta-las súas instalacións. Polo de agora, a dirección da compañía ten enriba da mesa varias opcións: ou crear unha segunda fábrica, mantendo a actual de Rubiáns, ou crear un novo complexo nun punto a concretar no que se unifique toda a produción.

Nun momento de expansión da compañía, o Conselleiro de Industria visitou as instalacións. Francisco Conde aproveitou para poñer en valor a aposta de Fundiciones Rey pola diversificación, a innovación e a internacionalización.

A compañía naceu como unha pequena fundición de bronce de seis traballadores e na actualidade conta cunha produción de 3000 toneladas ao ano, 48 empregados e cun 15% de exportacións directas. Prevé, ademais, pechar 2019 cunha facturación próxima aos 9 millóns de euros.