Unha empresa de Cambados e Alcampo acordan distribuír algas da ría por toda España

CAMBADOS> As algas da ría de Arousa poderanse mercar, dende agora, en calquera Alcampo de España. Unha pequena empresa de Cambados dedicada á comercialización de algas acaba de asinar un acordo coa multinacional para vende-los seus produtos nas súas tendas. Kombu, wakame ou o espagueti de mar son só algunhas das variedades a disposición do cliente co selo da empresa cambadesa.

Cun ano de traxectoria, o proxecto empresarial de Cristina e a súa socia vai dar un salto de xigante. A empresa ‘La Patrona’ especializada na comercialización de algas acaba de asinar un acordo con Alcampo para distribui-lo seu produto.

Con esta nova vía de negocio, a súa pequena empresa, con sede en Sete Pías, verá incrementada a súa demanda dun xeito exponencial. Elas din estar moi ilusionadas co proxecto, que asumen como un reto.

Todo o produto co que traballa ‘La Patrona’ ten a súa orixe nas Rías Baixas. O produto chega aquí procedente de difrentes confrarías, como a de Cambados ou A Illa. Están especializadas en cinco variedades: kombu, wakame, espagueti de mar, leituga e a alga percebe. Ó tratarse dun produto saudable e de rico e variado sabor ten unha demanda cada vez maior.

Cristina di crer no produto e na oportunidade de negocio que representa. A longo prazo, tanto ela como a súa compañeira agardan manter e consolida-lo negocio, obxectivo que vai parello á normalización das algas no menú diario dos fogares.