Unha senda peonil e ciclista unirá o Polígono do Salnés con Vilariño

CAMBADOS> Unha senda peonil e ciclista unirá o polígono do Salnés coa parroquia cambadesa de Vilariño. Os traballos xa están en marcha, executándose na marxe dereita da estrada PO-200. Dende a Xunta calculan que o novo equipamento estará rematado nun prazo de oito meses, contando cun orzamento de máis de 265 mil euros.

O polígono do Salnés e a parroquia de Vilariño estarán unidas por medio dunha senda peonil e ciclista. Este equipamento virá mellorar a seguridade viaria dos peóns que a diario percorren as marxes da PO-300 para chegar os seus traballos.

A senda iníciase no acceso ao polígono e continúa ata conectar coas beirarrúas de Sameiro e Vilariño. Permitirá completar un itinerario peonil continuo cunha lonxitude de case 1.100 metros, con tres metros de ancho e separada da calzada por unha banda axardinada.

As obras xa están en marcha e teñen un prazo de execución de oito meses. A Xunta adxudicounas por un importe de 265 mil euros, cofinanciados con fondos FEDER. A actuación foi, ademais, moi ben recibida polos concellos de Cambados e Ribadumia.

A obra incluirá a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe e a colocación de canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.