Unha moza de Meis, embarazada de 8 meses, a piques de perder a casa por unha suposta denuncia do seu tío

MEIS> En cuestión de días, unha familia de Meis podería perde-la súa casa. Sobre a vivenda pesa unha orde de demolición porque a Axencia para a Legalidade Urbanística a ten catalogada como un almacén para apeiros. A construción ergueuna o pai de María, unha moza que está a piques de dar a luz. Ela cre que foi o seu tío, irmán xemelgo do seu falecido pai e actual titular da propiedade, o que denunciou o caso á Xunta para que tiren abaixo a casa.

En menos dun mes, María dará a luz ó seu primeiro fillo. Para daquela, pode ser que xa perdera a casa na que vive. Sobre esta construción pesa unha orde de derruba.

María explícanos que toda esta situación xurdiu trala morte do seu pai, en circunstancias sospeitosas. Dende aquela as desavinzas familiares pola herdanza son constantes. Seica un tío, irmán xemelgo do seu pai, asegura que agora a casa é súa, porque lla vendera o finado. Segundo a moza, o seu pai chegara a asinar un documento cando xa non se atopaba en plenas facultades. Trala súa morte, di que a operación volveu repetir, pero que desta volta, ela non asinou nada. Agora, sospeita que foi o seu propio tío o que presentou unha denuncia para que boten abaixo a construción.

A construción está rexistrada como almacén para apeiros de labranza. A comezos de 2018, a Policía Autonómica xa informou á Axencia de Protección Urbanística de que na propiedade se levaran a cabo obras. Arestora aquí viven 5 persoas, mentres non nace o bebé. María explícanos que teñen outra casa para a que marchar, pero sen tellado.

Así e todo, María e os seus tentarán mover Roma con Santiago para evita-la derruba da casa. Xa se puxo en contacto co Concello e solicitou un avogado de oficio. Tamén asegura sentirse arroupada polos veciños da zona: coa súa axuda confía en frea-las pás cando veñan tira-la casa.

A loita de María tamén se pode apoiar dende as redes sociais, a través da páxina ‘Ayuda a María’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí