Porto do Son vibrou ao ritmo do Rompetiño jump

PORTO DO SON>  O festival de cultura urbana que chegou este ano á súa cuarta edición estase a converter co paso dos anos nun referente entre as grandes citas estivais, non só da comarca do Barbanza, senón tamén de ámbito autonómico.

A explanada portuaria de Porto do Son acollía esta pasada fin de semana a cuarta edición do Rompetiño Jump, o festival de cultura urbana que está arrasando entre a mocidade non só da comarca, senón tamén de toda Galicia. Durante as xornadas do venres, o sábado e o domingo sucedéronse un senfín de actividades para tódolos gustos e idades. A organización puxo moito empeño este ano na distribución das distintas zonas, cunha zona chill, na que non faltaron as terrazas, as tendas de roupa e os food-trucks; outra deportiva onde se desenvolveron as exhibicións e competicións de parkour, BMX, skimboard ou roller e outra de concertos, coas actuacións de grupos coma Los Alcántara, The Tetas Van ou The Last Dance ou tamén as sesións dj. Tampouco faltaron as exhibicións de graffiti.