A rúa Gorgullón estará reformada en outubro

PONTEVEDRA> A reforma do Gorgullón estará rematada en outubro. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez. O edil quixo visitar a rúa para coñecer de primeira man os últimos avances. Os operarios están rematando coa instalación do enlousado para continuar coa colocación do arborado e do mobiliario urbano.

Outubro. Esa é a data que se marca o Concello de Pontevedra para finalizar as obras do Gorgullón. Actualmente estase colocando o pavimento da rúa para continuar, canto antes coa instalación do arborado e do mobiliario urbano.

A rúa Gorgullón quedará cunha plataforma única co tráfico restrinxido para residentes e servizos. Ademais, cambiarase o sentido de circulación, para que os vehículos entren pola estación de autobuses e saian na rotonda de Uxío Novoneyra.

Dentro deste proxecto está tamén incluída a peonalización da Rúa do Muíño, así como a rúa da Moa e a travesía de Eduardo Pondal. Estas dúas quedarán en sentido de subida a Eduardo Pondal. O orzamento para este proxecto supera o millón 200 mil euros.