Lores denuncia a “falta de lealdade do Sergas” ao non dar información detallada da pandemia

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión co comité da Covid-19 para analizar as medidas restritivas anunciadas onte pola Xunta de Galicia. Tras o encontro, Miguel Anxo Fernández Lores denunciou a falta de lealdade que está a demostrar o Sergas co Concello, ao non dar cifras diarias da evolución da pandemia no municipio. Un feito que obriga ao goberno local a traballar sen unha información oficial.

O alcalde de Pontevedra presidiu hoxe o comité de seguimento da Covid-19 co obxectivo de estudar as repercusións que terán as restricións anunciadas pola Xunta de Galicia. Tras esta reunión, Lores criticou a falta de lealdade que está a demostrar o Sergas co Concello ao non dar unha información directa e detallada sobre a evolución da pandemia no municipio.

Lores foi avisado das medidas que ía a adoptar a Xunta en Pontevedra pouco antes de que esta noticia se fixera pública. O xerente do Complexo Hospitalario explicoulle  que nos últimos 3 días se tiñan rexistrado 40 casos na cidade e que a transmisión comunitaria superaba xa o 1,5%.

En canto á volta ao cole, o alcalde criticou hoxe a incongruencia que hai entre estas medidas adoptadas onte pola Xunta e o inicio do curso escolar.

Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que si hai preocupación no Concello ante o incremento de casos activos no municipio. Por iso, pediu responsabilidade e prudencia á veciñanza.

Ante o rebrote da pandemia neste municipio, o Concello decidiu retomar os servizos do Estado de alarma, activando o servizo de atención a persoas maiores e vulnerables, redobrando os esforzos na Policía Local e continuando co servizo de recollida de lixo a doentes.