A Comunidade de Montes de Lérez asina, co Concello, un convenio de cesión de uso da Casa da Cultura

PONTEVEDRA> O Concello e a Comunidade de Montes de Lérez asinaron esta mañá un convenio de cesión de uso da Casa da Cultura. Deste xeito, o goberno municipal asumirá, durante os vindeiros 25 anos, o mantemento deste edifico social. O acordo ten unha posibilidade de prórroga doutros 25 anos.

As dificultades económicas levaron á Comunidade de Montes de Lérez a asinar un acordo de cesión de uso da Casa da Cultura co Concello de Pontevedra. Con este acordo, a propiedade do edificio social seguirá correspondendo ao colectivo da parroquia pero o mantemento e o custe de funcionamento será asumido, durante os vindeiros 25 anos, polo goberno municipal.

O edificio social supoñía uns gastos mensuais de 600 euros para a Comunidade de Montes. Unha cifra que xa non podían afrontar.

Un acordo necesario, segundo o alcalde de Pontevedra, e que soluciona un dos principais problemas que tiña a parroquia de Lérez.

A Casa da Cultura seguirá acollendo actividades lúdicas, formativas e de lecer, así como tamén actos públicos do propio Concello e de todas as entidades sociais da parroquia.