O PP pide un trato igualitario entre os Concellos e medidas contra a despoboación do rural

PONTEVEDRA> O grupo provincial do PP anunciou esta mañá os eixos de actuación para os vindeiros 4 anos. Os populares reclaman, dende a oposición, que a Deputación de Pontevedra teñan un trato igualitario entre todos os Concellos. Ademais, piden á institución provincial que tome medidas contra a despoboación do rural e que abandone a confrontación coa Xunta de Galicia.

O Partido Popular quere facer unha oposición proactiva e positiva  na Deputación de Pontevedra. Para elo, o grupo provincial presentou esta mañá os tres eixos de actuación sobre os que traballará durante os vindeiros 4 anos. O primeiro que reclaman os populares é o trato igualitario entre os Concellos.

Outro dos asuntos nos que traballará o grupo provincial do PP é a creación dun plan específico para os Concellos do rural co obxectivo de loitar contra a despoboación.

A última medida sobre a que quere profundar o grupo encabezado por Jorge Cubela é sobre a situación de confrontación da Deputación de Pontevedra coa Xunta de Galicia. Os populares tenden a súa man para chegar a acordos e entendementos en aspectos básicos.

Con estes tres eixos principais, o grupo provincial do Partido Popular asegura que intentará traballar conxuntamente co goberno da Deputación naqueles asuntos nos que estean de acordo pero advirte de que fará oposición cando, na súa opinión, non se estea a facer o mellor para os veciños.