O PP de Catoira asegura que pactaron co BNG a escasas horas do pleno

CATOIRA> O PP de Catoira asegura que houbo pacto co BNG. O líder dos populares di que foi in extremis, na madrugada previa ó pleno de investidura, nunha pista do concello de Rianxo. Din que desvelan como se fraguou o acordo para calar a aqueles que aínda o negan.

O ruxe-ruxe dun pacto en Catoira entre BNG e PP existe dende que o nacionalista Xoan Castaño se fixo co bastón de mando. Agora, son os populares os que rachan o seu silencio e confirman, con todo tipo de detalles, como se fraguou ese suposto acordo.

Apuntan que houbo varias reunións cordiais entre as partes, sen que o líder nacionalista tomase parte. A súa ausencia nesas xuntanzas non gustaba ós conservadores, que condicionaban o seu apoio a que Castaño se implicase nas conversas.

Ese encontro, segundo os conservadores, chegou in extremis, de madrugada, nun monte de Rianxo.

Nesas negociacións, os populares esixían entrar no goberno co Bloque.

Agora, os populares din que xa non lles interesa entrar no goberno. Explican que desvelan como se artellou o cambio político en Catoira para calar a aqueles que insisten en que non houbo negociacións entre o BNG e o PP.

A versión dos populares choca coa do BNG. Os nacionalistas desmenten por completo as declaracións dos pactos e reiteran que co PP non houbo ningún tipo de pacto.