O BNG urxe medidas ante o estado de abandono da planta de Servia

LOUSAME> O BNG mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes do comité de empresa da planta de compostaxe de Servia, en Lousame, para analizar a actual situación da instalación, cuxa continuidade pende dun fío. Os nacionalistas esíxenlle á Xunta e ós concellos que integran a Mancomunidade Serra do Barbanza unha maior implicación coa planta, para garantir así a súa viabilidade.

O BNG denunciou hoxe unha vez máis a situación preocupante pola que atravesa a planta de compostaxe de Servia, cuxa continuidade esta no aire. Actualmente son varias as problemáticas que pesan sobre as instalacións: o contrato á concesionaria está fóra de prazo, non se cumpren os estatutos, o vertedoiro está ateigado e xa non hai máis espazo para os residuos, e o máis grave, 160 familias seguen pendentes dunha solución pola que non se pode seguir agardando.

O BNG, que hoxe mantivo unha xuntanza con representantes do comité de empresa, fixo alusión tamén á situación de abandono no que se atopan as instalacións.

Ante esta situación os nacionalistas volveron a  mostrar o seu apoio a este modelo alternativo a Sogama, segundo eles, moito máis eficaz e sostible, apelando á Mancomunidade e tamén á Xunta a tomar dunha vez decisións que garantan a viabilidade da planta.