O ambulatorio de Ribadumia, sen o seu segundo médico ata outubro

RIBADUMIA> O segundo médico chegará a Ribadumia en outubro. Así o asegura, cando menos a Xunta. Ata daquela, o ambulatorio da localidade está sendo atendido por un único facultativo. Dende o Concello denuncian que a asistencia sanitaria ós doentes perdeu calidade. Animan  ós veciños a participar na recollida de sinaturas para esixir ó Sergas un compromiso real coa sanidade pública no municipio.

A precaria situación que está a sufri-lo centro de saúde de Ribadumia podería quedar resolta para outubro. A Xunta asegura que será para daquela cando se incorpore o segundo facultativo ó ambulatorio. Na actualidade, unicamente un facultativo é o que se encarga de atender a tódolos doentes. No Concello celebran o anuncio do goberno galego, pero con cautela.

O centro de saúde leva dende o 10 de xullo sendo atendido por un único médico de familia. O seu compañeiro colleu vacacións e quedou el só, unha situación que se vén repetindo nos últimos veráns. Este ano, vaise agravar, porque ese facultativo xa non vai volver: ó remata-las vacacións xubílase.

Aínda que o problema parece que está en vías de solución, o alcalde anima ós veciños a participar na recollida de sinaturas que está en marcha, para presionar á Xunta. O rexedor pon como exemplo a explosión de onte nunha fábrica da localidade na que se rexistraron dous feridos. O médico do ambulatorio tivo que desprazarse ata o lugar do suceso, deixando desatendido o ambulatorio.