A Deputación interporá un recurso contra a Xunta de Galicia polo abandono do Pazo de Lourizán

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra interporá un recurso contra a presunta desestimación da Xunta de Galicia para a conservación e mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán. Unha decisión aprobada esta mañá no pleno provincial. A moción, presentada polo PSOE, contou co apoio do BNG e co rexeitamento dos populares.

A Deputación de Pontevedra decidiu esta mañá interpoñer un recurso contencioso administrativo para instar á Xunta de Galicia a rehabilitar, restaurar e manter a zona nobre da Finca de Lourizán. Segundo os socialistas, tras a falta de diálogo e de respostas por parte da administración autonómica, a institución provincial inicia, de forma inmediata, medidas legais. Unha decisión que foi apoiada polos nacionalistas.

Pola súa banda, o PP mostrou o seu asombro ante esta moción. Para os populares, a decisión de presentar un recurso contra a Xunta era innecesario e sinalaron á Deputación como o único causante do deterioro actual do Pazo. Segundo a deputada, Pepa Pardo, a administración autonómica presentou varios proxectos durante o último mandato para rehabilitar o edificio de Lourizán. Proxectos que non foron aceptados pola institución provincial.

Segundo os socialistas, o proxecto presentado pola Xunta de Galicia non solucionaba os problemas de deterioro e abandono que sofre actualmente o Pazo. Unhas deficiencias que supoñen unha inversión de 14 millóns de euros.

Finalmente, a moción dos PSOE foi aprobada grazas ao apoio dos nacionalistas e, polo tanto, serán os tribunais os que decidan como debe restaurarse o Pazo de Lourizán. Un procedemento xudicial que, segundo os populares suporá un custe á Deputación de 20.000 euros.