O expresidente de Portos de Galicia dimite de todos os seus cargos no PP

PONTEVEDRA> O vilanovés José Juan Durán presenta a súa dimisión de tódolos cargos do Partido Popular. O que fora presidente de Portos de Galicia di que renuncia porque o presidente da Xunta perdeu a súa confianza nel. Polo de agora, Durán manterase como afiliado da formación.

O expresidente de Portos de Galicia dimitiu esta mañá de tódalas súas responsabilidades no Partido Popular. José Juan Durán toma esta decisión 20 días despois do seu cese como máximo responsable do ente autonómico.

O vilanovés era, ata o momento, Coordinador provincial de Acción Electoral, membro do Comité de Dirección, do Comité Executivo e da Xunta Directiva Provincial. Antes de facela público, comunicoulle a súa renuncia ó presidente provincail do PP, Alfonso Rueda.

A través dun correo electrónico, enviado ós medios pouco despois de facer efectiva a súa decisión, Durán indica que, polo momento, manterase no PP, como un afiliado máis.

Explica que os motivos que o levaron a dimitar radican, aínda que non exclusivamente, no seu cese como responsable de Portos, textualmente, “no que ten de perda de confianza política cara a miña persoa por parte do presidente Feijóo”.

José Juan Durán foi cesado como presidente de Portos de Galicia o pasado 11 de xullo polo Consello da Xunta. Estaba á fronte dese organismo dende o 2011, despois de ocupa-la vicepresidencia da Deputación de Pontevedra. Con anterioridade tamén fora concelleiro de Cultura en Vilanova.