A Fundación Celta volve a elixir Ribeira para os seus Campus de Verán

RIBEIRA> Por terceiro ano consecutivo a Fundación Celta vai celebrar en Ribeira o seu campus de verán en colaboración co Atlético Riveira e co Concello. A actividade, destinada a nenos dos catro ós dezaseis anos, desenvolverase na Fieiteira do 5 ó 9 de agosto.

O vindeiro luns arrancará unha nova edición do campus de verán da Fundación Celta en Ribeira. A iniciativa organizada en colaboración co Atlético Riveira e co Concello, desenvolverase durante toda esa semana. Irá destinada a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos. O horario será de mañá, de dez a dúas, agás o último día, o venres 9 no que se prolongará á xornada de tarde para celebrar un pequeno acto de clausura. Dende a organización do campus destacouse a importancia desta iniciativa e o feito de educar en valores ós pequenos dende unha perspectiva lúdico-deportiva.

Dende o Concello destacaron tamén a iniciativa coa que se promoven hábitos saudables, principalmente entre os máis cativos.

O prezo do campus será de 132 euros, agás para os nenos que estean empadroados en Ribeira, que terán unha rebaixa ata os 119 euros. As inscricións poderanse realizar ata este venres na propia páxina web do club vigués.