PONTEVEDRA> O epicentro do Nadal en Pontevedra será a avenida Raíña Vitoria. O espazo peonalizado acollerá algunhas das actividades centrais do programa destas festas. Aquí instalaranse unha pista de karts e a carpa de PonteXogos, e impartiranse obradoiros de cultura e deportes urbanos. Será entre o 17 de decembro e o 9 de xaneiro e o único requisito para participar será presentar un ticket de compra no comercio ou na hostalería locais.
A carpa e unha pista de karts de PonteXogos levarán o epicentro do Nadal á avenida Raíña Vitoria. Xa o ano pasado este espazo peonalizado acolleu a instalación dunha tirolesa que este Nadal cede o seu lugar a unha das iniciativas máis populares da programación da cidade, que se completa cos obradoiros de cultura e deportes urbanos da Urban Culture Factory.
Esta iniciativa irá da man do comercio e da hostalería locais. Para participar será imprescindible presentar un ticket de compra.
A actividade en Raíña Vitoria comezará o 17 de decembro e prolongarase ata o 9 de xaneiro. Este ano a programación inclúe tamén actividades de ocio infantil noutras zonas do concello, da man de ‘Nadal nas Galerías’ e Os Barrios do Nadal.
Pasarrúas con Papá Noel e outros seres extraordinarios da man de Pablo Méndez Performance ou o tren do Nadal son outras das actividades coas que o concello de Pontevedra quere facer que toda a veciñanza goce das festas.