Touradas fóra de Pontevedra asegura que a feira taurina “está en crise”

PONTEVEDRA> O vindeiro 10 de agosto é tamén a data elixida pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra para saír a rúa e loitar pola abolición das corridas de touros. Como cada ano e, coincidindo co inicio da feira taurina, o colectivo pontevedrés organiza unha manifestación que sairá ás 20:00 horas dende a praza da Peregrina e que percorrerá parte da cidade. Un acto que incidirá na necesidade de modificar a actual lei de protección animal de Galicia.

Erradicar a feira taurina e loitar porque se modifique a lei de protección animal de Galicia. Eses son os dous obxectivos principais da plataforma Touradas Fóra de Pontevedra. O colectivo volverá a saír a rúa, un ano máis, para manifestarse en contra das corridas de touros. Unha práctica que, segundo esta organización, “está en crise”.

Con esta manifestación, a plataforma Touradas Fóra tamén quere mandar unha mensaxe á Xunta de Galicia. Dende o colectivo piden que se cambie, dunha vez por todas, a lei de protección animal.

Por outra banda, este colectivo pide ao Concello que non siga subvencionando aos propietarios da praza de touros.

Touradas fóra de Pontevedra pide a todos os pontevedreses que se sumen a esta tradicional manifestación. A cita será o sábado 10 de agosto ás 20:00 horas na praza da Peregrina. Ao rematar a marcha, unha persoa pública, que aínda é sorpresa, lerá un manifesto.