Raxó podería quedarse sen a Festa da Saleta pola escasa subvención do Concello

POIO> O Concello de Poio recorta o presuposto que tiña dispoñible para a Festa da Saleta. Así o anunciou a Comisión de Festas do Raxó Club de Fútbol. Dende este colectivo denuncian a falta de criterio por parte do goberno municipal no reparto das subvencións e aseguran que esta decisión podería poñer en risco a celebración de dito evento.

A Comisión de Festas do Raxó Club de Fútbol conseguiu recuperar hai un ano a Festa da Saleta. Unha cita que levaba 20 anos sen celebrarse e que este ano podería volver a desaparecer. O motivo, a redución das subvencións que o Concello de Poio outorgaba aos organizadores do evento.

Dende a Comisión de Festas denuncian ademais a falta de criterio que ten o goberno municipal no reparto das subvencións.

As festas da Saleta contaron o ano pasado cun presuposto de 60.000 euros, dos cales o 90% proviña de achegas individuais.

A Comisión de Festas non está disposta a que os veciños de Raxó volvan a quedarse sen a súa tradicional Festa da Saleta, unha celebración que conseguiu congregar o ano pasado a máis de 18.000 persoas. Por iso, a organización asegura que fará todo o posible para que o Concello rectifique e volva a apostar por esta parroquia.