PONTEVEDRA> Os veciños de Campañó manteñen as súas mobilizacións en contra do trazado da variante de Alba. Unha nova protesta veciñal percorreu esta tarde un tramo da carreteira de Vilagarcía. O obxectivo, seguir reclamando á Xunta de Galicia cambios e melloras no proxecto.
Os veciños de Campañó non se renden e esta tarde saíron á rúa para mobilizarse en contra da variante de Alba. Están convencidos de que a proposta elixida pola Xunta de Galicia para executar esta nova autovía que conectará a carreteira de Vilagarcía e a N-550 incrementará o tráfico e a inseguridade vial na zona.
Os representantes veciñais mantiveron o pasado mércores unha reunión co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e co xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez. Un encontro nada satisfactorio para os veciños de Campañó.
Os veciños cren que das 10 alternativas que había para a construción da variante de Alba, a número 8 era moito máis viable que a elixida finalmente pola Xunta de Galicia. Ademais, dende este colectivo piden ao goberno local que se posicione a favor dos veciños.
Os afectados pola variante de Alba continuarán manifestándose para impedir, por todos os medios, que este proxecto se faga realidade.