RIANXO> Esta mañá dábase a coñecer en Rianxo o proxecto de investigación, sinalización e posterior intervención no que se recollan aqueles lugares vinculados á memoria do Golpe de Estado de 1936. A iniciativa xorde, en primeira instancia, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, que conseguiu implicar ós concellos de Rianxo e Pobra do Caramiñal para levala a cabo.
O proxecto será levado a cabo polo Grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago. Eles serán os encargados de inventariar todos estes lugares nos que se produciron episodios represivos contra a veciñanza.
Comeza agora un traballo de campo que se prolongará alomenos ata marzo de 2021. Será daquela cando se plasme sobre o territorio deste dous municipios aqueles ‘lugares’ que cómpre poñer en valor para coñecer mellor esa parte negra da nosa historia e rescatar do esquecemento a moitas das vítimas do franquismo. Sería o primeiro chanzo dun modelo que podería ser posteriormente extrapolable a outros territorios de Galicia e mesmo homologable o de todo o Estado.