Moderado optimismo na Pobra pola saída do peche perimetral

A POBRA> A Pobra saíu hoxe do peche perimetral, aínda que seguirá no nivel alto de restricións. A boa evolución dos contaxios nas últimas semanas permitiu relaxar en parte as restricións.

Case un mes despois de que se decretara o seu peche perimetral, a Pobra do Caramiñal recuperou hoxe unha certa normalidade. O número de contaxios mellorou significativamente. Nas últimas dúas semanas tan só houbo trece contaxios, e tamén baixou a incidencia acumulada. Aínda así hoxe e durante toda a fin de semana permanecerán no nivel alto de restricións. A partir do luns pasarán a medio. Un certo respiro para a hostalería que disporá xa do 30% en interior e o 50% en terrazas.

Na rúa, a veciñanza celebra con moderado optimismo a decisión, co temor aínda a unha nova suba dos contaxios.

O Concello tamén decidiu retomar parte dos servizos que foron interrompidos durante este período de máximas restricións, polo que volveu a abrir os parques infantís e biosaudables e as áreas deportivas. Tamén volven as actividades culturais e deportivas e abren novamente de xeito presencial instalacións como a biblioteca municipal, o museo Valle-Inclán ou a oficina de información turística.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí