A conselleira do Mar comprobou as melloras na lonxa de Porto do Son

PORTO DO SON> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá a lonxa de Porto do Son para comprobar as obras de mellora realizadas na instalación en materia de eficiencia enerxética. A achega, por un importe duns cinco mil euros, permitiu a subtitución das antigas lámpadas por outras de tecnoloxía led.

Acompañada do patrón maior, Emilio Queiruga, e do alcalde, Luís Oujo, a conselleria do Mar comprobou o resultado das obras levadas a cabo na lonxa sonense que supuxeron un investimento de preto dos cinco mil euros na mellora da iluminación na zona de poxa cun sistema LED.

A axuda, á que hai que sumarlle tamén outra achega duns once mil euros para a adquisición de preto de 30 contedores isotermos de distintos tamaños para o almacenamento e transporte de xeo, enmarcábase na liña de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca do ano pasado, á que a Xunta destina neste exercicio máis de 250 mil euros , e da que vén de saír unha nova convocatoria.

O patrón maior sonense agradeceu a achega realizada, aproveitou a visita da Conselleira para trasladarlle novas demandas, entre elas a próxima construción dunha nave de xeo, unha solicitude que xa está moi avanzada.