RIBEIRA> A cooperativa Santa Eugenia de Ribeira – OPP83 organizou unha xornada de promoción para o consumo de peixe no colexio O Grupo de Ribeira. Os escolares de 5º e 6º de primaria tiveron ocasión de coñecer as principais especies que se descargan na lonxa ribeirense, especialmente o lirio.
Promocionar o consumo de peixe, especialmente do lirio, é un dos principais obxectivos da Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira. Ademais da creación dunha marca de calidade, dende a organización de produtores están a desenvolver unha serie de actividades divulgativas como as xornadas do Mar celebradas esta mañá no CEIP O Grupo.
Os alumnos de 5º e 6º participaron en diversos obradoiros centrados na actividade pesqueira, as bondades do consumo de peixe e mesmo tiveron ocasión de facer gala da súa creatividade deseñando unha campaña publicitaria para fomentar o consumo de lirio.
A xornada rematou cunha degustación de lirio de Ribeira en tempura do que os pequenos deron boa conta.