O BNG da Barbanza insiste en que a Xunta volve a esquecer á comarca nos seus orzamentos para 2023

BARBANZA> Para a deputada, Rosana Pérez, a Xunta volve a esquecer á comarca do Barbanza nos seus orzamentos para 2023.

Segundo ela hai dous concellos que nin aparecen. Boiro non dispón de ningunha partida específica e a Pobra, o investimento que se recolle é mínimo.

No ámbito sanitario reclaman máis investimentos para os centros de saúde ou para o hospital, e que se dea resposta a unha vella demanda desta comarca como é a dotación dunha ambulancia medicalizada.

Recollen tamén emendas para a construción dunha residencia para Boiro, a maiores da que se prevé construír en Ribeira, a adecuación do Pazo de Rianxiño para centro de día ou a reforma integral do CEIP Castelao en Rianxo.

Dende o BNG volve a insistirse en dúas vellas reclamacións súas, como son o estudo para a realización dunha conexión ferroviaria co Barbanza ou a construción do macropolígono.

O BNG presenta varias emendas tamén para acometer obras de mantemento e mellora en diversos portos da comarca como é o caso do de Aguiño, que se retome o proxecto para a apertura de canles no porto comercial da Pobra e se cree unha zona de estacionamento e lecer xunto ó auditorio de Rianxo.

Tamén insisten na necesidade de acometer dunha vez o plan de rexeneración da Ría no que se evidencia unha merma importante da súa produtividade.

Para tratar de paliar todas estas carencias detectadas, os nacionalistas presentarán emendas por un importe no seu total de máis de dez millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí