POIO> Os cambios realizados, no último mes, na PO-308 non están gustando nada aos veciños de Poio. En especial, o que se produciu no entorno do Centro de Saúde de Anafáns. Unha liña continua prohibe, dende fai uns días, o acceso ao centro dos vehículos que van en dirección Combarro. Unha decisión da Xunta de Galicia que está xerando moitas críticas entre a cidadanía.
Este é o acceso da discordia. A Xunta de Galicia decidiu pintar hai uns días esta liña continua na PO-308. Un feito que obriga aos veciños que veñen dende Pontevedra e que queren acceder ao centro de saúde de Anafáns a ter que desprazarse 300 metros a realizar o cambio de sentido. Sen embargo, esta decisión, que tiña como obxectivo mellorar a seguridade viaria da zona, non fai máis que empeorala. Os representantes da Plataforma de Afectados de San Salvador piden á administración autonómica que recapacite porque aseguran que é moito peor o remedio que a enfermidade.
Esta non é a única queixa por parte da Plataforma de San Salvador. A falta de aparcamento está a traer graves consecuencias para os veciños e para os comerciantes. Por iso, dende este colectivo piden ao Concello que adquira a parcela que está fronte ao centro de Saúde de Anafáns.
Os problemas de aparcamentos esténdense a toda a parroquia. Por iso, os veciños de Poio, cansos das promesas por parte do Concello, esixen máis prazas públicas e libres na zona. A Plataforma de San Salvador leva xa recompiladas preto de 1.000 firmas e ameaza con mobilizacións se o goberno municipal non ten en conta as súas peticións.