PONTEVEDRA> O Lérez continúa en situación de prealerta pola seca. A vindeira semana, o concello de Pontevedra manterá un encontro cos grandes consumidores de auga do municipio para analizar as medidas a tomar de empeorar a situación. Hoxe a concelleira responsable do Ciclo da Aua confirmou que as chuvias da semana pasada foron tan só un espellismo, cunha nova baixada do cauce do río nos últimos días.
O caudal do río Lérez volve baixar a cifras que obrigan a manter a situación de prealerta pola seca. Actualmente é de 1,45 metros cúbicos por segundo de media, confirmando que as chuvias da semana pasada foron insuficientes.
Tamén comezan a baixar os datos de consumo. Entre o 9 e o 15 de agosto, os seis concellos que se abastecen do Lérez empregaron 37.650 metros cúbicos a odia. Na semana do 16 ao 22 foi de 3.606.
Así as cousas, continúa a preocupación pola situación actual. Máis aínda cando as previsións meteorolóxicas non apuntan á existencia de precipitacións. A vindeira semana, o concello manterá unha reunión cos grandes consumidores de agua: aqueles que empregan máis de 2.000 metros cúbicos ao ano.
Da Silva apuntou que polo de momento o Lérez ten auga para garantir o abastecemento da poboación. Ademais, o concello xa comprobou que o estado das reservas do encoro do Pontillón é óptimo se fora necesario recorrer a elas. Iso si, advertiu que a posibilidade de entrar en situación de alerta é real ante a imposibilidade de predecir o comportamento do río.