NOIA> Despois de tres días de festa, Noia afronta hoxe luns a derradeira xornada das súas festas patronais, as do San Bartolomeu. Durante esta fin de semana tiveron lugar algunhas das actividades máis destacadas do programa, como os concertos de Mago de Oz e das eurovisivas Rosa de España, Lucía López e Eleni Foureira.
As festas de San Bartolomeu arrancaron forte en Noia. O venres tivo lugar un dos pratos fortes do programa co concerto de Mago de Oz que ateigou o Campo de San Alberto. Un concerto ademais que tivo un carácter solidario a favor de Cáritas e da Cruz Vermella.
Pero se multitudinario foi o concerto do grupo madrileño, non o foron menos o ofrecido o sábado por Rosa de España, Lucía López e Eleni Foureira ou o de onte domingo na praza do Tapal, a cargo de Leilía e Noite de Berros. O público entregouse ó baile tanto nestes concertos como nas verbenas amenizadas polas mellores orquestras de Galicia entre elas a París de Noia. Tamén houbo un oco para a rica gastronomía, coa tradicional Festa da Empanada. Un prato que lle dá sona a vila e que fixo as delicias de cantos se achegaron a degustala.