Vaga de roubos nas igrexas da comarca noiesa

NOIA> Vaga de roubos nas igrexas de Noia, Lousame, Outes e Porto do Son. Os ladróns accederon durante a fin de semana a media ducia de templos causando importantes danos en portas e fiestras.

As igrexas da comarca de Noia convertéronse nos últimos días no obxectivo dos ladróns. A capela de San Roquiño na parroquia lousamiá de Tállara foi a que rexistrou maiores danos. A pesar de que os ladróns tan só levaron uns 30 euros, causaron importantes desperfectos nas portas que poden ascender ata os 2500 euros.

En Noia, os amigos do alleo tentaron acceder á  igrexa de San Cristina de Barro forzando a pechadura pero non o conseguiron posto que foron sorprendidos por un veciño. Si o fixeron na capela de San Bernardo da que, a pesar dos danos causados nunha fiestra e na porta principal, non levaron nada de valor.

A acción dos vándalos estendeuse tamén ata Outes e Porto do Son causando tamén desperfectos na igrexa de Entíns, Portosín e O Loreto.