Marea Cidadá de Noia volve solicitar a documentación sobre a obra da praza de abastos

NOIA> A Marea de Noia volve denunciar o escurantismo que rodea a obra da praza de abastos da localidade. Despois de que o pleno aprobase a finais de febreiro a realización dunha auditoría interna, denuncian que o goberno municipal aínda non entregou copia do expediente requirido.

O pasado día 23 de febreiro, o pleno da corporación municipal de Noia aprobaba a realización dunha auditoría interna para constatar se os pagos efectuados no proxecto da praza de abastos se corresponden coas certificacións de obra ante a existencia de informes negativos por parte de intervención. Transcorridas xa tres semanas, a Marea denuncia que o goberno non presentou a documentación requirida mentres que a obra segue paralizada.

De manterse esta situación, dende a Marea advirten que emprenderán accións legais para que a xustiza determine se a actuación se axusta ou non á legalidade. Dada a magnitude da obra, orzamentada en máis dun millón de euros, dende a Marea  insisten en que debería terse executado con tódalas garantías e seguindo a normativa en materia de contratación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí